Dende 14 de febreiro, 2024 - Ata 14 de marzo, 2024
Categorías: Laboral
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións aos centros especiais de emprego co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través do Programa II: axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica nos centros especiais de emprego.
O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables. Para ser beneficiarios das axudas de asistencia técnica contidas neste programa, os CEE deberán estar recoñecidos como CEEIS polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta axuda recolle o apoio para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo.
O gasto realizado polos CEE de iniciativa social (excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) é subvencionable ata o 100%. O gasto realizado polos demais CEE será subvencionable ata o 80%.
Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición. Subvencionarase:
- A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.
- A transformación en indefinidos dos contratos temporais.
A contía máxima destas axudas determínase con base nas seguintes regras:
1ª. Establécese unha contía base de 10.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.
2ª. Os importes anteriores poderán incrementarse cos seguintes incentivos (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:
a) Un 25% se a persoa contratada é unha muller.
b) Un 25% se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou está en situación ou en risco de exclusión social.
c) Un 25% se a persoa contratada é maior de 45 anos.
d) Un 25% se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada.
e) Un 25% se a persoa é trans.
f) Un 25% no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural.
As circunstancias indicadas nas letras a) a f) desta regra 2ª poderán ser modificadas nas sucesivas convocatorias de axudas, sempre que a contía máxima para conceder nesta liña de axudas non supere os 25.000 € por cada posto creado.
Para este programa está previsto un incentivo de 300 euros pola baixa dunha persoa con discapacidade que esté subvencionado e que se producise pola súa incorporación na empresa ordinaria.
Poderán ser beneficiarios destas subvencións os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.
Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto, admitíndose a efectos desta subvención os centros de traballo que teñan presentada a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.