Axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego - 2024

Dende 14 de febreiro, 2024 - Ata 14 de marzo, 2024

Categorías: Laboral Formación para o emprego

Acceda dende aquí

TR341K- Axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego - 2024

Data de publicación: 14/02/2024

Data de inicio solicitude: 15/02/2024

Data de remate solicitude: 14/03/2024

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións aos centros especiais de emprego co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través do Programa I: axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego.

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste. A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, outorarase un incentivo cun máximo de 300 euros no caso da inserción dunha persoa con discapacidade na empresa ordinaria dacordo co establecido.

Neste programa I, as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral.

Características da axuda

As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa, correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas, e derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE, para o desenvolvemento das funcións descritas.

Así mesmo, serán subvencionables as contratacións de interinidade durante o tempo que se substitúa a persoa titular da praza de técnica ou encargada da unidade de apoio, dentro do período subvencionable.

Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100% dos custos indicados e, nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80%.

En calquera caso, a contía da subvención non poderá exceder a fixada no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio, sendo estos importes como máximo de 1.500€ para o posto de técnico e de 1.200€ para o posto de encargado.

A contía base da subvención establécese en 2.400€ por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 5.2 da Orde con contrato por tempo indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis meses a xornada completa.

A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade sinaladas no parágrafo anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios destas subvencións os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.

Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto, admitíndose a efectos desta subvención os centros de traballo que teñan presentada a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.


Publicación DOG

Ficha sede electrónica

Imprimir
Axuda