Dende 10 de xuño, 2022 - Ata 11 de xullo, 2022
Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria de 37 prazas, 25 para estranxeiro e 12 para Galicia, para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividad.
O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de once meses contados desde xaneiro a decembro de 2023. O Igape poderá prorrogala por un máximo de ata 11 meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa estivese comezada ou estivese a piques de comezar.
O bolseiro deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das entidades de acollida na cidade de destino da bolsa. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos), o bolseiro debe informar o Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.
A formación que recibirán os bolseiros abrangue:
a) Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.
b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación coa súa internacionalización.
c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.
d) Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape, a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.
O importe máximo de subvención por bolseiro é de 46.500 € por un período de 11 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.
Poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1995.
Posuír a nacionalidade española e ser nacidas en Galicia, ser nacidas en Galicia e estar nacionalizadas nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación das bases.
Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de máster universitario:
i. Título universitario oficial de graduada ou graduado español;
ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivallan ao título de grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS.
Coñecementos de inglés (falado e escrito), acreditable mediante a realización dun exame en que os aspirantes deberán demostrar, como mínimo, o nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.