Subvencións a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables - 2022

Dende 27 de xullo, 2022 - Ata 29 de agosto, 2022

Categorías: Laboral Responsabilidade Social Empresarial

SI436 - Subvencións a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables - 2022

Data de publicación: 27/07/2022

Data inicio de solicitude: 28/07/2022

Data remate de solicitude: 29/08/2022

Obxecto

A publicación desta resolución ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas para o desenvolvemento do Plan Corresponsables, consistente en actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados e a formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados.

As subvencións recollidas parten da implantación dunha nova política pública no sector dos coidados, alicerce fundamental de calquera sociedade, e teñen como finalidade favorecer a corresponsabilidade nas familias con nenas, nenos, mozas e mozos de ata 16 anos inclusive, no ámbito de Galicia, para mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal. Ademais, preténdese fomentar a creación de emprego de calidade no sector dos coidados, para garantir a calidade dos servizos prestados a través das bolsas de coidado profesional.

a) Liña do Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida.

b) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social.

c) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais.

Características da axuda

A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaian contratar, de acordo cos perfís e requisitos establecidos nesta resolución, para desenvolver as bolsas de coidado e/ou os plans de formación recollidos como accións subvencionables, tendo en conta os límites máximos da subvención establecidos para cada procedemento:

– Contía de ata 26.900,00 euros por persoa contratada a tempo completo, para o período desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022, período subvencionable segundo a presente resolución, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por período inferior ao ano completo.

A contía da xudas por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

– Mulleres maiores de 45 anos.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero.

– Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, especialmente cando teñan que acudir a interpor denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas, ou outros trámites burocráticos; familias monoparentais; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións:

a) Liña do Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida:

Os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

b) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social.

As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e as entidades do terceiro sector de acción social inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

c) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais.

As asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións.


Publicación DOG

Imprimir
Axuda