Dende 09 de xullo, 2025 - Ata 01 de decembro, 2025
Categorías: Formación para o emprego
Estas axudas terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas relacionadas no anexo III de cada convocatoria, e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación total o parcial incluída nun certificado profesional.
Para os efectos desta orde entenderase con carácter xenérico como especialidade formativa calquera oferta do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, que se vaia impartir nunha acción formativa.
A superación dun grao C conduce á obtención dun certificado profesional de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso.
A superación dun grao B conduce á obtención dun certificado de competencia de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso, e permite a continuidade do itinerario formativo e a progresión cara un grao C.
A superación dun grao A conduce á obtención dunha acreditación parcial da competencia de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou neste enderezo directo de SIFO.
O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos económicos, segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
O anexo III de cada convocatoria incluirá a contía dos módulos económicos específicos establecidos como límite máximo para solicitar para cada familia profesional ou especialidade formativa, segundo se determine na correspondente convocatoria, de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.
Para os efectos previstos, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.
A contía da subvención que se vai conceder por cada acción formativa calcularase en función do número de persoas participantes para as que a entidade solicita subvención, do número de horas do programa formativo, e dos módulos económicos específicos solicitados por participante e hora de formación recollidos, para cada familia profesional e/ou especialidade e en función da modalidade de impartición, no anexo III de cada convocatoria.
Nas especialidades formativas impartidas na modalidade virtual será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial euro/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 6 €.
A valoración económica dos módulos transversais será a mesma que a dos módulos económicos establecidos no anexo III para os contidos específicos da acción formativa, e de acordo coa modalidade de impartición en que os módulos transversais se realicen.
Poderán ser beneficiarias as entidades e centros de formación que, con anterioridade á data de presentación da solicitude, estean acreditados para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
As entidades solicitantes deberán estar acreditadas para impartir as ofertas de formación profesional dos graos A, B e C, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta na modalidade virtual, no correspondente rexistro estatal.
As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.
As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencia.