Dende 12 de setembro, 2022 - Ata 12 de outubro, 2022
Categorías: Laboral Xestión Desenvolvemento local
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito de colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego na contorna local.
As persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) configúranse como persoal contratado das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.
Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolveraa a entidade contratante, para o cal as persoas contratadas como AEDL analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.
A contía máxima das subvencións que se concederán por cada AEDL poderá ser, co límite máximo de 27.046 euros por un período dun ano por cada contratación subvencionada e tendo en conta a media de paro rexistrada no ano 2021 no seu ámbito territorial de acordo coas estatísticas oficiais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade:
a) A equivalente ata o 35 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2021 igual ou superior a 500 persoas desempregadas.
b) A equivalente ata o 25 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrada no ano 2021 inferior a 500 persoas desempregadas.
c) A equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando se trate de entidades beneficiarias en que, aínda que teñan unha media de paro rexistrada no ano 2021 inferior a 500 persoas desempregadas, a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes, ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos.
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na orde as entidades locais ou, na súa falta, as entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.