Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol Economía social) I - 2022

Dende 21 de xaneiro, 2022 - Ata 30 de setembro, 2022

Categorías: Emprendemento Laboral

Acceda dende aquí

TR802G - Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol Economía social) Programa I - 2022

Data de publicación: 21/01/2022

Data inicio de solicitude: 22/01/2022

Data remate de solicitude: 30/09/2022

Obxecto

Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais e realizar á súa convocatoria para o ano 2022.

En concreto, o Programa I ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

Características da axuda

Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.

Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) da orde.
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

Para a aplicación dos citados incrementos teranse en conta as circunstancias que consten acreditadas no momento de ditar a proposta de resolución.

Por cada persoa moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 €.

Persoas beneficiarias

Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal.

c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.

d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

A incorporación deberá supor incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención.

Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.


Publicación DOG Ficha informativa sede electrónica

Imprimir
Axuda