Dende 06 de xullo, 2022 - Ata 08 de agosto, 2022
Categorías: Asociacionismo Desenvolvemento local Investimentos Mercado Tecnoloxías da Información
A publicación desta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas destinadas á creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.
Consideraranse actuacións subvencionables a creación e o lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.
En todo caso, as plataformas de marketplace deberán estar baseadas nun proxecto de viabilidade comercial e incluír produtos agroalimentarios de orixe e elaboración galegas. As persoas comerciantes e os produtos deberán cumprir a normativa que en materia de comercio e sanidade sexa de aplicación para a venda de produtos agroalimentarios.
Consideraranse gastos subvencionables:
a) O proxecto de viabilidade comercial elaborado por unha empresa de consultoría especializada de acordo co contido e as características establecidas nas bases reguladoras.
b) O deseño e o desenvolvemento do marketplace: a inclusión e a xestión das tendas cos seus correspondentes usuarios/as, a inclusión e a xestión de catálogos en liña, a xestión de stocks e pedidos, a adaptación móbil coa tecnoloxía responsive, o proxecto de posicionamento orgánico SEO, o dominio e o aloxamento web dentro da Unión Europea.
c) As campañas de marketing e publicidade: a xestión SEM/Adwords, a xestión do social media, a fotografía e a descrición dos produtos e a creación de promocións e estratexias publicitarias e comerciais a través de medios e canles dixitais.
d) A xestión integral do marketplace: a comunicación coa clientela a través da multiexperiencia como chatboxs, asistentes virtuais ou redes sociais e a xestión dos pagamentos en liña a través de pasarelas de pagamento.
e) O deseño e a creación de produtos sustentables de packaging.
As plataformas de marketplace deberán ter un mínimo de 20 produtos á venda e reunir as características técnicas e as condicións legais previstas.
O investimento máximo subvencionable para os gastos establecidos na letra a) é de 1.500,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 75 %.
O investimento máximo subvencionable para os restantes gastos comprendidos entre as letras b) e e) é de 40.000,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 80 %.
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións:
a) Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.
b) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.