Subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego - 2022

Dende 23 de maio, 2022 - Ata 23 de xuño, 2022

Categorías: Desenvolvemento local Laboral

TR332A - Subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego - 2022

Data de publicación: 23/05/2022

Data inicio de solicitude: 24/05/2022

Data remate de solicitude: 23/06/2022

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego, mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de doce meses.

Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. O número mínimo de persoas demandantes que deberán levar a cabo as prácticas é de quince.

i) Obradoiros sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (rede Eures), así como outros que informen as persoas usuarias das posibilidades de inserción laboral ao ampliar o ámbito xeográfico de busca de emprego fóra do concello de residencia.

Características da axuda

A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.500 euros por cada persoa desempregada participante.

Ademais, establecerase na resolución de concesión unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos.

Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas e atendidas, de acordo coa seguinte fórmula:

– Factor inseridos: 0,70 (70 % do total da subvención).

– Factor atendidos: 0,30 (30 % do total da subvención).

Importe total da subvención = (custo persoa inserida * nº persoas inseridas) + (custo persoa atendida * nº de persoas atendidas).

Serán gastos imputables unicamente os gastos realizados e efectivamente pagados, producidos en centros situados na Comunidade Autónoma de Galicia. A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade, relativos:

a) Aos custos salariais e de Seguridade Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa, tanto persoal propio da entidade como aqueloutro que se contrate especificamente para a execución do programa.

b) Ás retribucións correspondentes a persoas traballadoras por conta propia contratadas exclusivamente para impartir formación.

c) Aos gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal.

d) Ás bolsas de asistencia ás persoas demandantes.

e) Aos gastos de subcontratación da formación establecida.

f) Aos gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10 % do custo total final do proxecto.

g) Aos gastos xerais, materiais e técnicos, co límite do 35 % do custo final do proxecto.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2021 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:

Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo a mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Imprimir
Axuda