Subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento - 2022

Dende 30 de setembro, 2022 - Ata 04 de novembro, 2022

Categorías: Emprendemento Investimentos

Acceda dende aquí

TR880A - Subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento - 2022

Data de publicación: 30/09/2022

Data inicio de solicitude: 04/10/2022 a partires das 13:00 horas

Data remate de solicitude: 04/11/2022

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións Xempre Emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, manter os empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

Características da axuda

Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que iniciou a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020. En concreto:

1º. Equipamento informático.

2º. Activos intanxibles: activos que no teñen unha materialización física ou financeira.

3º. Investimentos en eficiencia enerxética.

4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.

5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.

6º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man (atendendo aos requisitos establecidos na orde que regula a convocatoria).

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:

a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 10.000 €, a contía da axuda será do 60 % do investimento.

b) Con investimentos de 10.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.

c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 50.000 €, a contía da axuda será do 40 % do investimento.

d) Con investimentos de 50.001 € ou máis ata un límite de 100.000 €, a contía da axuda será do 30 % do investimento.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas e as sociedades cooperativas e laborais que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020.

As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

d) Ter iniciada a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de presentación da solicitude.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non teren sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.


Publicación DOG

Corrección erros

información Sede

Imprimir
Axuda