Obradoiros e axudas á dixitalización Industria 4.0 - 2022

Dende 29 de xullo, 2022 - Ata 08 de setembro, 2022

Categorías: Investimentos Mercado Tecnoloxías da Información

Acceda dende aquí

IG300C - obradoiros e axudas á dixitalización Industria 4.0 - 2022

Data de publicación: 29/07/2022

Data inicio de solicitude: 30/07/2022

Data remate de solicitude: 29/08/2022

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para promover obradoiros que se concíben como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais.

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e poderán organizarse outros eventos en contornos virtuais.

Tendo en conta a actual situación, aclárase que se considerará que un espazo de encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes estean simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de dous terzos das empresas participantes no correspondente espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Por outra banda, estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Características da axuda

Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

Gastos de persoal do organismo intermedio:

1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro contrata a un colaborador externo.

2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio.

A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables, ata un máximo de 25.000 € por proxecto.

Co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 60.000 €.

No caso das axudas ás pemes, os proxectos deberán ser técnica e economicamente viables para a empresa solicitante e o importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia.

Entenderanse como tal:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

En relación coas axudas ás pemes, serán beneficiarias as pequenas e medianas empresas calquera que sexa a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Imprimir
Axuda