Noticia_img

A Xunta activa o programa de axudas por 6 M€ para a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesán galego

24 de maio, 2022

Mediante esta iniciativa, que incrementa o seu orzamento nun 20% con respecto ao ano pasado, apoiaranse actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, márketing dixital, loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos

A través desta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto desde hoxe e ata o próximo 23 de xuño, búscase apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual para conectar co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada ao novo consumidor. O obxectivo é que a mobilización público-privada acade os nove millóns de euros.

 

O programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, inclúe dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. Entre as actuacións subvencionables inclúense a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de márketing dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros. Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

 

Os artesáns galegos teñen tamén ao seu dispor o programa de axudas para o fomento da comercialización da Artesanía de Galicia, dotado con 265.000 euros. Esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de xuño, inclúe apoios de ata 8000 euros para os obradoiros artesanais que participen en feiras nacionais ou internacionais. Os concellos e as asociacións profesionais e empresariais artesanais que organicen feiras no ámbito de Galicia poderán obter axudas de ata 15.000 € e 18.000 €, respectivamente


Máis información