Noticia_img

A Xunta activa os dous primeiros programas do novo plan Emprega Xuventude cos que busca a contratación dunhas 1.000 persoas mozas desempregadas

02 de xaneiro, 2022

O Goberno galego convoca o programa Primeira experiencia profesional nas Administracións Públicas e o programa Investigo, aos que destinará 24 M€

A Xunta incentivará en 2022 a contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas por parte das administracións públicas e de centros e empresas que desenvolvan a súa actividade no campo da investigación, a tecnoloxía e a innovación. O Diario Oficial de Galicia publica cadansúas convocatorias dos novos programas, Primeira experiencia profesional nas administracións públicas e Investigo, cos que aspira a que máis de 1.000 mozas e mozos poidan obter un contrato de doce meses e xornada completa. Ambos programas fináncianse cos fondos europeos de recuperación.

 

Os dous programas forman parte dun plan máis amplo, o Emprega Xuventude, que o Goberno galego promoverá en 2022 con actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas e dotado cun total de 51,8 millóns de euros. Trátase de dirixir políticas específicas para este colectivo considerado prioritario.

 

Primeira experiencia na Administración

Coa primeira das liñas publicadas, a Xunta destina 11,2 millóns de euros para que a Administración Autonómica e as súas entidades instrumentais formalicen contratos en prácticas con persoas traballadoras menores de 30 anos e desempregadas. Trátase de brindar aos máis novos unha primeira experiencia laboral, unha vez teñan completada a súa etapa formativa.

 

Neste marco a Xunta destinará o 20% dos fondos a incentivar a incorporación a empregos verdes -cos que se contribúe a preservar e restaurar o medio ambiente- como os relacionados coa agricultura, gandería e pesca; coa restauración de ecosistemas ou a implantación de modelos de explotación animal máis ecolóxicos e sustentables; ou as actividades de incremento da eficiencia do consumo de enerxía e materias primas. Outro 20% destinarase á liña de competencias dixitais e a porcentaxe restante a empregos en xeral. Estímase que o programa podería supor a contratación de ata 524 persoas.

 

A selección de candidaturas realizarase preferentemente a través das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. No proceso de selección terase en conta a adecuación das persoas candidatas ao posto, os estudos específicos sobre a materia e unha valoración curricular.

Máis información

Emprego mozo na investigación

No caso do segundo programa, Investigo, a Xunta aspira a xerar emprego xuvenil no eido da investigación, da tecnoloxía e da innovación. As axudas, cun orzamento de 13,1 millóns de euros, están abertas a organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos, entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro e empresas que invistan en investigación e innovación.

 

Priorizaranse as ocupacións referidas á sanidade, transición ecolóxica e economía verde, así como as relacionadas con servizos de dixitalización e big data e proxectos de investigación no ámbito da cultura, as áreas sociais ou as artes. Calcúlase a empregabilidade dun máximo de 585 mozas e mozos grazas a esta iniciativa.

Máis información

Ata 2.800 euros por mes e persoa traballadora

En ambos os dous programas, o Goberno galego sufragará os custos laborais e salariais das persoas que incorporen administracións ou entidades, que deberán estar contratadas por doce meses e a xornada completa. No de primeiro emprego esta contía variará entre os 1.783 euros e os 2.675 euros mensuais segundo a categoría profesional. No caso de Investigo establécese un rango que vai dos 1.867 euros por mes ata os 2.759 euros.

 

O prazo de solicitude en ambos os dous casos abriuse o 3 de xaneiro e terá vixencia dun mes ata o 3 de febreiro de 2022.

 

Co Plan Emprega Xuventude, a Xunta promoverá en 2022 actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas. Dotado cun total de 51,8 millóns de euros, nace como iniciativa para apoiar a contratación e a formación da mocidade galega. No marco do mesmo, ademais de Primeira experiencia profesional nas administracións, e do programa Investigo (13,1 millóns de euros), impulsarase Talento 30 (22 millóns de orzamento) que incentivará e financiará a contratación de persoas mozas menores de 30 anos en empresas a través de contratos en prácticas ou de formación e aprendizaxe.