Noticia_img

A Xunta convoca as axudas para apoiar a conciliación dunhas 12.000 familias con bolsas de coidados en concellos, ANPAS e entidades de iniciativa social

27 de xullo, 2022

Os apoios teñen por obxectivo que entidades locais, de iniciativa social e asociacións de nais e pais promovan servizos de coidado en dependencias públicas e/ou domicilios particulares para a atención das mozas e mozos menores de ata 16 anos

A Xunta publica no DOG as axudas que con 6,7 millóns de euros de orzamento, destinará á creación de bolsas de coidado por parte de entidades locais (soas ou agrupadas), organizacións de iniciativa social e asociacións de nais e pais de alumnos (Anpas) para axudar á conciliación dunhas 12.000 familias con menores de ata 16 anos ao seu cargo. O Goberno galego promoverá con estes apoios, servizos de conciliación baseados nos coidados profesionais, que se prestarán en dependencias públicas e a domicilio, polo que contribuirá tamén á creación duns 500 postos neste sector.

 

A financiación da nova orde realizarase con cargo ao Plan Corresponsables que a Xunta está a executar en Galicia cos máis de 10,7 millóns de euros que lle corresponden de fondos finalistas do Estado. Teñen por finalidade facilitar a corresponsabilidade e a conciliación das familias galegas con fillas e fillos de ata 16 anos (inclusive) mediante bolsas de coidado profesional para atender unhas 16.000 mozas e mozos.

 

Entre as familias beneficiarias das actuacións, darase prioridade ás vítimas de violencia de xénero -especialmente cando teñan que acudir a interpoñer denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas ou trámites burocráticos-; familias monomarentais e monoparentais; mulleres en situación de desemprego -para realizar accións formativas ou procura activa de traballo-; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

 

No marco da convocatoria, outorgarase financiación os servizos de coidado que presten as entidades, tanto no domicilio como en dependencias públicas, así como os plans de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

 

Tres liñas de axuda

 

O orzamento da convocatoria esta repartido en tres liñas. Case 4,5 millóns de euros permitirán financiar os servizos que promovan concellos de forma individual ou mediante xestión compartida. Outros 1,5 millóns de euros destinaranse ás entidades de iniciativa social, e as Anpas contarán con 700.000 euros do orzamento. As axudas máximas, en función da liña, poderán acadar os 225.000 euros.

 

A Xunta asumirá, deste xeito, os gastos directos da contratación do persoal -incluíndo a contratación mercantil ou externa da prestación destes servizos- así como outros de tipo corrente nos que incorran as entidades para desenvolver as actuacións, a difusión e información, así como a edición de materiais didácticos.

 

A creación de bolsas de coidados permitirá a contratación estimada dunhas 500 persoas traballadoras. Este é outro dos obxectivos: incorporar ás bolsas de perfís profesionais de técnica/o en actividades socioculturais, en integración social, monitoras/es de lecer e tempo libre, técnicas/os superiores de animación sociodeportiva, de educación infantil, e auxiliares de gardería e xardín de Infancia.

 

Galicia dispón de máis de 10,7 millóns de euros do Plan Corresponsables para reforzar as medidas autonómicas a prol da conciliación, coa finalidade de que exista un auténtico equilibrio na distribución das responsabilidades familiares e de facer compatible a maternidade e/ou paternidade co mercado laboral.

 


Máis información