Noticia_img

A Xunta convoca os Premios do Comercio Galego 2025 para recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico

27 de agosto, 2025

Haberá cinco categorías: Premio Comercio Galego, Premio Comercio Traxectoria, Premio Comercio Emprende, Premio Comercio Dinamización e Premio Comercio Sostible

A Xunta ven de publicar as bases e a convocatoria dos Premios do Comercio Galego 2025 a través da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Nese sentido, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, puxo en valor estes Premios do Comercio Galego 2025 como vía para recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 promovido pola Xunta da man de todos os axentes implicados.

 

O obxectivo destes galardóns é recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.

 

Os establecementos interesados en optar aos premios poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro.

 

Poden resultar recoñecidos en cinco categorías:

 

Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros;

 

Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros;

 

Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros;

 

Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros;

 

e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

 

A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.


Publicación DOG