Noticia_img

A Xunta destina 2,1 M€ para mellorar as oportunidades laborais de 400 persoas en situación ou risco de exclusión social en colaboración con EAPN Galicia

08 de xullo, 2022

As políticas activas de emprego do Goberno galego teñen ás persoas con dificultades socioeconómicas como colectivo prioritario tanto nos incentivos para a contratación, como na área de formación e de promoción do emprego autónomo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no seminario Traballando en rede pola inclusión sociolaboral e o emprego digno das persoas vulnerables,promovido pola Rede Galega contra a Pobreza EAPN Galicia, no marco da súa colaboración coa Xunta a prol da empregabilidade das persoas en situación ou en risco de exclusión social. No acto, Lorenzana puxo en valor que grazas ao convenio asinado con esta entidade o pasado decembro, estanse a destinar 2,1 millóns de euros para mellorar as oportunidades laborais dunhas 400 persoas cunha complexa situación socioeconómica. O programa enmárcase no Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social ao que o Goberno galego destina este ano máis de 40 millóns de euros.

 

As persoas en situación ou en risco de exclusión social son colectivo prioritario para o Goberno galego, especificou Lorenzana, quen remarcou que a Xunta, a través das medidas e accións que leva a cabo persegue a inclusión laboral de todas as galegas e galegos. “Sabemos que para conseguir a súa participación, non só no mercado laboral, senón tamén na sociedade, é preciso garantir o seu acceso a un emprego, facilitando así unha chave que abra a porta dunha maior autonomía e benestar”, afirmou.

 

As políticas activas de emprego que desenvolve a área de Promoción do Emprego e Igualdade están a por énfase nos colectivos con maiores dificultades na súa inserción, entre os que a conselleira encaixou ás persoas en situación socioeconómica complexa.

 

A Xunta ten en marcha con EAPN Galicia o programa para o fomento de empregabilidade de persoas vulnerables, que se activou este ano por primeira vez. Cunha dotación de 2,1 millóns de euros conveniados coa Consellería de Promoción do Emprego, esta entidade aspira a traballar cunhas 400 persoas vulnerables, ás que presta apoio específico e intervención integral no eido laboral. Lorenzana subliñou as liñas mestras coas que se apoia a estes beneficiarios: a través da análise dos perfís por parte dos técnicos para deseñar itinerarios de inserción particularizados; mediante a formación en habilidades que demanda o mercado laboral; ofrecendo servizos de orientación e prospección para o emprego; e, finalmente, cun período de acompañamento tras a finalización do programa.

 

Esta iniciativa, tal e como lembrou a conselleira, enmárcase no Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social ao que se están a destinar máis de 40 millóns de euros. No mesmo, inclúense axudas para que as entidades locais contraten persoas perceptoras da renda de inserción social ou Risga (7,7M€); apoios á creación e mantemento de emprego en empresas de inserción laboral (1M€) ou a liña específica do programa Galicia Emprega dirixida á impulsar a contratación de 250 persoas deste colectivo (2,9 M€).

 

As persoas en situación ou en risco de exclusión teñen ademais acceso preferente aos programas integrados de emprego e obradoiros duais en entidades locais e sen ánimo de lucro e se benefician, en maior medida que a poboación en xeral, das axudas para unidades formativas en empresas ou de programas como o de promoción ao emprego autónomo que desenvolve o departamento comandado por Lorenzana.

 

A conselleira destacou, para rematar, a importancia da colaboración do tecido asociativo na consecución dunha contorna laboral “máis acolledora, máis flexible e máis inclusiva”. “Xuntos somos quen de mudar progresivamente os aspectos máis negativos do mercado de traballo e facer del un espazo no que se garantan empregos máis xustos, dignos e accesibles”.