Noticia_img

A Xunta destina 50 millóns de euros á cualificación profesional de máis de 12.000 persoas desempregadas en Galicia

31 de maio, 2022

O Diario Oficial de Galicia publica a orde dirixida a que centros de formación profesional para o emprego ofrezan máis de 1.200 cursos

O Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria das accións formativas para 2022 e 2023 nas que a Xunta investirá 49,7 millóns de euros para financiar unhas 1.207 accións formativas dirixidas a mellorar a cualificación de 12.379 persoas desempregadas.

 

A orde supera nun 12% o orzamento da súa predecesora, o que reflicte a aposta decidida que está a acometer a Xunta de Galicia para mellorar a cualificación da poboación traballadora da comunidade e para asegurar a súa empregabilidade.

 

Os centros ou entidades de formación acreditados para impartir formación profesional para o emprego en Galicia en modalidade presencial, a distancia ou mixta poden acceder a esta orde. En canto as accións que oferten, deberanse dirixir, como novidade este ano, a impartir competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade.

 

Na convocatoria faise unha reserva orzamentaria específica do 40% para os cursos que poñan o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego. Así darase prioridade entre os contidos a materias como industria 4.0, ás competencias dixitais e á formación en áreas que demandan man de obra, entre outras: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración.

 

O Goberno galego segue a apostar con esta orde pola formación flexible, coa teleformación e a aula virtual como modalidade de impartición.

 

Nos cursos serán colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poderán tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con persoas desempregadas.

 

A actual convocatoria ofrece como novidade un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

 

A convocatoria, ademais, está inspirada na filosofía de dotar de maior coherencia e solidez técnica aos criterios de valoración das accións formativas, que se adoptarán con atención ás recomendacións do Observatorio de Emprego e do Grupo de Análise e Modelización da Universidade de Santiago.

 

Primarán as accións formativas que traten de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores; as que dean resposta ás competencias requiridas nas ocupacións e sectores con maiores perspectivas de emprego; e a oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación.

 

Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas, unhas 80.000 se se conta a previsión da nova convocatoria.

 

A media de inserción durante este tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta de acceder ao mercado laboral cun contrato.

 

O programa, financiado con fondos finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, insírese no Plan galego de formación para o emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.


Máis información