13 de xuño, 2022
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova convocatoria do programa de bolseiros do Igape, que permite aos participantes a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial. Impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a presente edición achegará preto de 2,5 millóns de euros para fortalecer a especialización e a contratación de 37 novas persoas tituladas.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá activo ata o vindeiro 11 de xullo. A convocatoria diríxese a persoas nacidas a partir de 1995, con titulación universitaria superior, e achegará formación práctica conxunta en Galicia durante 11 meses, e especialización sobre o terreo en destinos a nivel internacional, onde colaborarán, a través do Igape, en proxectos de empresas galegas.
Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos Lisboa (Portugal), Milán (Italia), París (Francia), Londres (Inglaterra), Berlín e Düsseldorf (Alemaña), Dublín (Irlanda), Estocolmo (Suecia), Praga (República Checa), Oslo (Noruega), Helsinki (Finlandia), Estambul (Turquía), Dubai (Emiratos Árabes Unidos), Hong Kong (China), Kuala Lumpur (Malasia), Riad (Arabia Saudita), Seúl (Corea do Sur), Singapur, Tokio (Xapón), Iakarta (Indonesia), Doha (Catar), Johannesburgo (Sudáfrica), Lima (Perú), Santiago de Chile (Chile), São Paulo (Brasil), Bogotá (Colombia), Chicago, Miami e Nova York (Estados Unidos), Otava e Toronto (Canadá).
A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novas persoas tituladas na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.
A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.
Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de case 400 novas persoas tituladas galegas, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Estados Unidos, Filipinas, Dubai, Arxentina, Xapón, Canadá, Tailandia, Brasil, Corea do Sur, México ou Emiratos Árabes, entre outros.
A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que están a acadar rexistros históricos. En concreto, no primeiro trimestre de 2022 acadaron os 6.762,9 millóns, un incremento do 23,9% con respecto ao mesmo período de 2021, ano no que as vendas no exterior superaron por primeira vez os 25.000 millóns de euros.
Neste contexto, cómpre salientar tamén o incremento do número de empresas exportadoras galegas: 4.434 entre xaneiro e marzo, preto da metade de todas as que exportaron en 2021, cando se acadou o récord con 9.360.
01/06/2023
31/05/2023
A Xunta financia os gastos de posta en marcha de empresas de base tecnolóxica con ata 24.000 €
22/05/2023