Noticia_img

A Xunta inviste 1,5 M€ para promover a prevención de riscos laborais a través da formación, sensibilización e asesoramento

16 de abril, 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria destas axudas que se poden solicitar ata o próximo 17 de maio

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude das axudas da Consellería de Emprego e Igualdade para promover a prevención de riscos laborais. Invístense este ano preto de 1,5 millóns de euros para a posta en marcha de accións de formación, sensibilización e asesoramento neste eido. As entidades interesadas poden presentarse á convocatoria, que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), ata o próximo 17 de maio.

 

O programa está dirixido ás asociacións empresariais e organizacións sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos. A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira, dotada con 800.000 euros, está destinada a actividades de formación, asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial; e o segundo programa, cun orzamento de 690.000 euros, está centrado en axudas á formación e á realización de xornadas de contido sectorial. O pasado ano resultaron beneficiarios destas axudas máis de 40 colectivos.

 

A Xunta, tamén no eido da prevención de riscos laborais, conta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), con diversas campañas para fomentar a seguridade no traballo. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

 

A Xunta está a desenvolver a Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que, en coordinación cos axentes sociais e a través de 163 medidas, busca garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competitividade.