21 de agosto, 2025
Programas de cooperación
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de 2025 da subvención para a contratación de persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro, cun orzamento de preto de 9 millóns de euros e a previsión de inserción laboral de arredor de 500 persoas en toda Galicia. Deste xeito, a iniciativa ten un dobre obxectivo, por unha banda, mellorar a empregabilidade das galegas e galegos a través da súa incorporación ao mercado laboral e, por outra, dar resposta á crecente demanda de profesionais no ámbito dos servizos sociais.
Con este novo programa de cooperación, prevese beneficiar arredor de 200 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. As entidades sociais beneficiarias destes apoios deben ter como a súa actividade principal o fomento de accións específicas para a inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, familia, mulleres ou infancia.
Así mesmo, deberán garantir contratos a tempo completo de nove meses ou, alternativamente, contratos a tempo parcial de 12 meses. As axudas cubrirán os custos salariais e de cotizacións á Seguridade Social das persoas contratadas.
Dos 8.825.000 de euros de orzamento, 3 millóns reservaranse especificamente para proxectos singulares, que serán desenvolvidos por organizacións con dimensión autonómica, máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal ou que prestan servizos a outras entidades.
Esta liña de apoios reflicte a colaboración activa entre a Administración autonómica e o terceiro sector, clave para impulsar servizos de interese xeral que contribúan ao desenvolvemento da comunidade. Neste sentido, enmárcase na estratexia global da Xunta de Galicia de favorecer a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, con medidas adaptadas ás realidades do territorio e aos perfís máis afectados polo desemprego.
Programa de emprego con apoio
O Diario Oficial de Galicia publicou tamén a convocatoria de 2025 do Programa de emprego con apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A ela destina 450.000 euros para financiar os custos laborais derivados da contratación de preparadores que presten apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral.
Poden beneficiarse das achegas asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar as empresas e as persoas traballadoras autónomas que contraten persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
Con estes apoios sufrágase ata o 100 % do custo salarial da persoa preparadora nas seguintes contías: 11.083,33 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 % e 6.650 euros anuais nos mesmos casos anteriores, pero cando as persoas traballadoras conten cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
A cantidade anual será de 4.156,25 € por cada persoa traballadora apoiada con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 % e persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e 1.625 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con capacidade intelectual límite.
Estas axudas terán un incremento do 25 % acumulables entre si se a empresa radica nun concello rural, ou as persoas preparadoras laborais que se van contratar son maiores de 45 anos, mulleres, persoas trans ou emigrantes retornadas ou estranxeiras.
O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por persoa preparadora.
A iniciativa forma parte da estratexia da Xunta para impulsar a contratación das persoas con discapacidade e en risco de exclusión na empresa ordinaria, un colectivo con especiais dificultades de acceso ao emprego e de permanencia no mercado laboral.
11/02/2026
02/02/2026
29/01/2026