27 de novembro, 2025
O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria dos Obradoiros duais de emprego 2026 coa que se reforzará a empregabilidade da cidadanía galega en colaboración coas entidades locais e que contará cun orzamento de 48,1 millóns de euros. Esta edición incorpora novidades para reforzar a súa vertente práctica e favorecer a inserción laboral do alumnado participante a través do aumento dos incentivos á contratación para as empresas da contorna vencelladas á temática do obradoiro, ademais de incorporar tamén incentivos para os propios concellos.
Refórzase tamén a aposta estratéxica polo rural e o eido forestal. Nesta liña, esta convocatoria inclúe entre as súas novidades a posibilidade de que os participantes nos obradoiros orientados á prevención poidan formarse de forma teórica e práctica en labores de especial interese social como, por exemplo, na limpeza das franxas secundarias. Deste xeito, 20 M€ do orzamento destinaranse a obradoiros que impartan certificados profesionais das familias agraria e de seguridade e medio ambiente, co fin de fortalecer a prevención e extinción de incendios forestais e axudar na restauración dos territorios afectados polos lumes deste verán.
Estes programas completaranse con outros orientados a cubrir necesidades clave de man de obra en cada municipio, que en edicións anteriores apostaron, por exemplo, por especialidades formativas vencelladas a ámbitos como o da construción ou o da atención sociosanitaria, entre outros. En total, prevese a posta en marcha de preto de 100 obradoiros en toda Galicia, que beneficiarán arredor de 1.970 persoas mediante itinerarios de nove meses que combinan formación e contrato laboral. Ademais, nesta convocatoria redúcense os prazos de resolución e habilitarase ás entidades un anticipo do 100 % do importe correspondente á anualidade 2026, evitando que teñan que adiantar recursos propios. A data límite para o inicio dos proxectos será o 1 de xuño e reforzarase a vertente práctica, que acadará o 65% do total.
Con estas achegas, o programa reforzará a súa tripla dimensión: mellorar a inserción laboral das persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego, fortalecer a colaboración institucional e dar resposta ás necesidades produtivas de cada territorio. A maiores, en 2026 sumarase a posta en marcha de catro programas piloto, un por provincia, de obradoiros duais destinados á recuperación de territorio afectado polos lumes —levados a cabo por comunidades de monte veciñais en man común— e outros catro no eido da edificación e obra civil en beneficio das infraestruturas municipais.
Os obradoiros poderán ser solicitados por concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes. Cada proxecto contará cun grupo máximo de 20 participantes podendo recibir unha achega de ata 445.576 euros, que poderá acadar os 537.576 euros no caso de solicitar incentivos á contratación. A selección do alumnado priorizará aquelas persoas con especiais dificultades de inserción laboral, como mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornados, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 52 anos ou persoas sen titulación superior, así como persoas con discapacidade ou beneficiarias da renda básica de inserción.
Durante os nove meses de duración do programa, o alumnado poderá obter un certificado de profesionalidade e realizar un traballo remunerado de interese público, abríndose ademais a posibilidade de continuar empregado durante un mínimo de tres meses nunha empresa do sector, grazas aos incentivos introducidos para favorecer a inserción laboral. Estes incentivos aumentan nesta convocatoria, pasando de 1.500 a 3.000 euros por persoa contratada nas empresas e incluíndo tamén unha compensación de 1.500 euros aos concellos por cada alumno ou alumna contratada tras finalizar o obradoiro. A Xunta asume tanto a financiación da formación como os custos salariais derivados dos contratos do alumnado traballador.
14/01/2026
09/01/2026
27/11/2025