24 de setembro, 2024
O Diario Oficial de Galicia publica as dúas ordes de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para que os concellos e as entidades sen ánimo de lucro contraten axentes de emprego.
O orzamento total destinado a ambas é de 3,4 millóns de euros para apoiar a contratación ou prórroga da contratación da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia. O obxectivo é apoiar aos consistorios na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial e ás asociacións que máis o precisan na inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.
Do total do orzamento, 2,2 millóns de euros son para a convocatoria de axentes de emprego de desenvolvemento local e 1,2 millóns de euros para a de axentes das entidades sen ánimo de lucro. Deste xeito, a previsión é financiar en total máis de 200 axentes, a maioría deles nos concellos, e ademais uns 40 axentes en entidades sen ánimo de lucro.
Así, as funcións principais destes axentes son colaborar de cara á creación de actividade empresarial, actuar como promotores desa actividade e servir de asesores puntuais de proxectos de empresa e como prospectores de mercado, contribuíndo á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no ámbito local e rural.
Con estas axudas, a Xunta potencia o papel da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co gallo de apoiar a constitución de pequenas e medianas empresas, contribuír á cobertura de vacantes laborais, así como favorecer un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido. Trátase así dunha figura especializada na promoción do emprego coa que se procura axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos no rural, realizando un importante labor que contribúe, ao tempo, a fixar poboación.
Entre as actuacións desta Rede inclúense a promoción da igualdade de oportunidades e o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a súa viabilidade técnica, económica e financeira e aplicando técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.
Ambas ordes de axudas concordan coa Estratexia Europea para o emprego e enmárcanse nas competencias en materia de formación para o emprego, políticas activas de emprego e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral e forman parte dun dos retos principais do Goberno galego para favorecer e impulsar o emprego.
Ao mesmo tempo contribúen ao impulso ao emprendemento, ámbito no que a Xunta traballa a través doutras medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 14 centros activos no conxunto do territorio e presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin.
19/11/2024
14/11/2024
A Xunta publica os festivos locais dos concellos das catro provincias galegas para o ano 2025
13/11/2024