Noticia_img

A Xunta sinala que unha rede de apoio ao emprendemento “unificada e coordinada” favorecerá o crecemento e a consolidación do emprego en Galicia

14 de xuño, 2022

A Xunta sinala que unha rede de apoio ao emprendemento “unificada e coordinada” favorecerá o crecemento e a consolidación do emprego en Galicia

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, destacou hoxe a aposta da Xunta polo emprendemento e pola inserción laboral dos colectivos que máis o precisan no acto de presentación da memoria de actividades 2021 da asociación Plataforma polo Emprego e de entrega de diplomas de cursos de formación que se celebrou en Santiago de Compostela.

 

Toca sinalou que precisamente para continuar apostando polas persoas emprendedoras de Galicia, a Xunta vén de crear, na estrutura da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, unha nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego que unificará e coordinará todas as competencias relacionadas co emprendemento empresarial, con servizos de apoio, asesoramento e aceleración, co obxectivo de favorecer o crecemento e a consolidación do emprego en Galicia.

 

A secretaria xeral sinalou que o novo órgano de dirección prestará apoio a colectivos como a Asociación Plataforma polo Emprego que dispón dun servizo ao emprendemento no que leva a cabo actividades formativas e informativas, de orientación, asesoramento e acompañamento de todo proxecto empresarial, incluíndo os primeiros pasos das empresas unha vez que se chega á posta en funcionamento.

 

Toca, así mesmo, destacou o traballo da Xunta pola inserción laboral das persoas con máis dificultades para atopar un emprego e apuntou, neste senso, o labor que desenvolven as empresas de inserción laboral contra a exclusión social e a favor dos colectivos con maior dificultade para acceder ao mercado laboral. Indicou a ampla experiencia da Asociación Plataforma polo Emprego neste ámbito, que conta cun servizo de promoción de empresas de inserción laboral.

 

A Xunta para apoiar a creación de empresas de inserción laboral conta cunha liña de axudas, dotada este ano cun millón de euros, e cuxo prazo de solicitude continúa aberto ata o próximo 30 de setembro. Esta orde de apoios forma parte do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social que conta para 2022 cun orzamento de 40 millóns de euros para que as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social teñan as mesmas oportunidades no ámbito do emprego, tendo prioridade e maiores incentivos nos programas que promoven a empregabilidade e a formación.