Noticia_img

​​​Aberta a convocatoria para solicitar os servizos avanzados do Programa Reacciona

02 de xuño, 2020

O Programa permite ás pemes executar proxectos de mellora en distintos ámbitos: desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización.

As empresas interesadas en acollerse á oferta de diagnósticos integrais e servizos avanzados para facilitar a mellora da competitividade das pemes galegas convocada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e no marco do programa Reacciona, poden solicitalo a través das catro convocatorias que ofrece este ano esta liña de axudas, como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). A primeira delas estará aberta desde o 2 de xuño ata o 2 de xullo.

Contando con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o programa ReAcciona do Igape ten como obxectivo prioritario incrementar as competencias dos xestores das empresas para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente.

Integrada no programa Igape Responde -iniciativa dirixida a ofrecer asesoramento inmediato a persoas autónomas e pemes para reactivar a súa actividade no actual contexto económico provocado pola covid-19-, as novas convocatorias do ReAcciona achegarán orientación e apoio individualizado sobre as medidas de implantación que se deben adoptar a nivel xeral, na reorganización estratéxica e operativa dos negocios, así como no que se refire a proxectos de dixitalización e innovación para manter e impulsar a actividade produtiva.

Máis información