Noticia_img

Aberta a nova convocatoria dos premios á cooperación e do certame Cooperativismo no ensino para a posta en valor desta fórmula

26 de xaneiro, 2024

O prazo para presentar as candidaturas rematará o 30 de abril

O Diario Oficial de Galicia convoca, na súa edición 2024, os Premios á Cooperación, iniciativa coa que a Administración autonómica quere recoñecer o esforzo destas entidades da economía social e dar a coñecer os beneficios deste modelo de actividade económica entre a poboación.

 

Os Premios á Cooperación, dotados con 15.000 euros, teñen como finalidade fomentar e difundir os valores do cooperativismo e recompensar publicamente o traballo que as súas entidades realizan en favor do desenvolvemento deste movemento na comunidade.

 

Poden optar a estes galardóns todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores.

 

Ao igual que en edicións previas, as modalidades da convocatoria son tres: premio aos valores cooperativos, ao mellor proxecto cooperativo novo e á traxectoria cooperativa. Cada un destes galardóns está dotado con 5.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 30 de abril.

 

O premio aos valores cooperativos outorgarase á entidade que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros.

Na categoría de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

 

O galardón á mellor traxectoria diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade, e que teña resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.


Publicación DOG