Noticia_img

Convocado o curso para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix)

23 de abril, 2025

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Amtega coa súa convocatoria

O DOG publica a Resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pola que se convoca un curso para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix) no seu nivel de iniciación, na modalidade de teleformación titorizada.

 

Esta Resolución ten por obxecto obter a certificación galega de competencias dixitais, regulada polo Decreto 123/2021, de 2 de setembro (DOG número 181, do 20 de setembro), no seu nivel Iniciación, tras a adquisición, mediante a superación dun curso na modalidade de teleformación titorizada e avaliación continua, dos coñecementos, destrezas e actitudes necesarios no ámbito dixital e a súa posterior avaliación.

 

Segundo se indica na dita Resolución poderán participar nesta acción formativa as persoas maiores de 16 anos ou que os fagan antes do remate do prazo de inscrición.

 

O número de prazas marcado é de 300 cunha duración de 250 horas lectivas en modalidade de teleformación titorizada con aproveitamento activo e avaliación continua, a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT.

 

As datas de realización fíxanse desde o 26 de maio ata 28 de decembro de 2025, como máximo.

 

Os bloques temáticos que se abordarán serán os seguintes:

  • Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais.
  • ComDix iniciación I: coñece a contorna dixital.
  • ComDix iniciación II: ten a información dixital sempre á man; buscar, seleccionar e gardar.
  • ComDix iniciación III: tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar.
  • ComDix iniciación IV: participa na sociedade dixital; as vantaxes da administración electrónica.
  • ComDix iniciación V: crea contidos dixitais con ferramentas ofimáticas e multimedia.
  • ComDix iniciación VI: atopa o benestar dixital; tecnoloxía con «sentidiño».

Publicación DOG