Noticia_img

Galicia disporá de 12 polos de emprendemento que permitirán crear sinerxías en todo o territorio para apoiar o emprego e fixar poboación

18 de xullo, 2022

Con estes instrumentos preténdese casar a procura de emprego coas demandas das empresas, con atención á realidade social e territorial de Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe o Polo de Emprendemento e Apoio e Emprego de Verín, o primeiro dunha rede de 12 que a Xunta prevé abrir en Galicia para fomentar a iniciativa empresarial, dinamizar o mercado de traballo e fixar emprego, atendendo as demandas dos diferentes territorios.

 

Tal e como destacou a conselleira, o de Verín é o primeiro dos 5 polos que a Administración galega ten previsto estrear este mesmo ano cunha inversión de 12 millóns de euros. Lorenzana destacou esta iniciativa, porque vai permitir “casar a xestión da procura do emprego coa realidade social e xeográfica de Galicia”. A través da súa distribución por comarcas poderase “dinamizar o mercado de traballo procurando a interactuación entre os ámbitos rurais e urbanos”, recalcou.

 

“Como saben os de aquí, un pode vivir en Verín e traballar nunha cooperativa de Monterrei, ou vivir en Verín e crear un negocio que remate estando en Portugal, nas Illas Baleares ou que estea internacionalizado”, exemplificou Lorenzana, quen remarcou que cos polos “estamos a falar dunha realidade que está vencellada tamén á fixación poboacional”.

 

O modelo de polos aspira, así, a se converter nunha plataforma eficaz de dinamismo laboral, de aí que os obxectivos destas ferramentas -ademais de asentar poboación e establecer sinerxías entre o rural e o urbano- pasen por crear máis emprego de calidade a través de fórmulas de emprendemento, fixar emprego, lograr a efectiva igualdade de xénero e modernizar o ecosistema emprendedor. “A través dos polos, queremos unir recursos e impulsar proxectos innovadores que fomenten a inserción laboral e o emprego de calidade”, incidiu a conselleira.

 

Nestes espazos de dinamización e captación de proxectos, ofreceranse, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento; asesoramento personalizado para cada territorio; espazos de traballo temporal e networking; captación de investimento e financiamento; e orientación e asesoramento e recursos físicos (como as oficinas estreadas hoxe en Verín).

 

Os usuarios poderán tamén acceder a convocatorias anuais de axudas que se estenderán por dous anos para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo. Os polos, ademais, contarán co apoio de dous técnicos e con canles de colaboración cos campus periféricos das tres universidades (Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra).

 

Estratexia global

 

Os polos encádranse na estratexia Xempre Rede de Emprendemento co obxectivo de desenvolver unha planificación global que permita á comunidade seguir avanzando na senda do crecemento e crear emprego de calidade.

 

Nesta liña estase tamén a traballar na modernización, da man da Axenda Galega de Capacidades, do Servizo de Emprego de Galicia, ao que estarán interconectados os polos.

 

A Xunta de Galicia vai integrar neste Servizo unha nova ferramenta informática que permitirá empregar a intelixencia artificial para casar oferta e demanda. Prevé ademais a incorporación de 136 orientadores á rede de emprego para seguir asesorando á cidadanía en materia laboral e contará co apoio e colaboración estreita da iniciativa privada a este novo modelo de xestión, xa materializada a través do convenio de colaboración que asinado a semana pasada coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

 

O Goberno galego busca con esta estratexia, en xeral, e cos polos, en particular, ofrecer á cidadanía uns recursos próximos e axeitados para que as persoas sen emprego e as traballadoras en activo poidan incrementar as súas oportunidades laborais; e sempre axustando a oferta ao que demanda e precisa un mercado de traballo que se atopa en constante evolución.


Polos de emprendemento