Noticia_img

Lorenzana destaca o impulso feminino en Galicia que supón o 61% das novas iniciativas empresariais no fin dunha nova etapa do ‘Camiño Emprendedor’ en Catoira

19 de setembro, 2022

A consellería de Promoción do Emprego e Igualdade percorreu un tramo do Camiño entre Vilanova de Arousa e Catoira no marco do programa que desenvolve a Xunta en colaboración coa Fundación Ronsel

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou no final do percorrido da 9ª etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor dirixido a impulsar o talento galego que tivo por lema A muller emprendedora como figura dun desenvolvemento económico máis xusto en Galicia. O programa, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Fundación Ronsel, axuda ás persoas a poñer en marcha unha idea de negocio a través dun proceso de mentoring, co Camiño de Santiago como fío condutor (#12etapas12retos).

 

Lorenzana puxo en valor a necesidade de “crear contornas de aprendizaxe que permiten impulsar o desenvolvemento de novas capacidades emprendedoras e optimizar as xa existentes, mediante o apoio de profesionais mentores que acompañan a estas novas emprendedoras”. A etapa, que iniciou o seu percorrido na Illa de Arousa e concluíu en Catoira, dividiuse en dúas xornadas que situaron á muller como protagonista.

 

A Xunta ten en marcha apoios de carácter transversal no eido da formación e o emprego feminino. A conselleira puxo en valor o Plan Emprega Muller 2022, que este año está a investir preto de 35 millóns de euros para chegar a 16.500 galegas.

 

“O Camiño Emprendedor, dedicado á muller, e o Plan Emprega Muller, dan boa mostra de que o emprendemento feminino non é unha aventura illada e solitaria, senón que está amparado e permanentemente acompañado polo Goberno galego, co propósito de acadar a plena igualdade e de facer medrar a Galicia con máis talento e máis cohesionada”, remarcou Lorenzana ao remate da andaina.

 

A conselleira mencionou algún dos retos que enfrontan as mulleres á hora de poder en marcha os seus proxectos e que aparecen reflectidos no Informe de Emprendemento Dixital Feminino 2021 no que participou o Instituto das Mulleres: o acceso a unha financiación temperá, a falta inicial de ingresos ou de aforros, o marco legal, as responsabilidades domésticas e de coidados e/ou a escasa visibilidade que teñen as emprendedoras referentes.

 

Así e todo, a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) en Galicia no ano 2020 (Informe da Red GEM sobre Galicia 2020-2021) situouse nun 4,3%, mantendo as mulleres, como xa sucedera nos tres anos anteriores, un impulso emprendedor (5%) superior ao masculino (3,5%). “A diferenza do que ocorre en España, as iniciativas emprendedoras das mulleres superan ás dos homes en todas as etapas”, dixo a titular de Emprego. Así, no caso das novas iniciativas, as mulleres representan o 60,7%.

 

Galicia Camiño Emprendedor xurdiu do acordo entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a Axencia Turismo de Galicia e a Fundación Ronsel para facilitar un proceso de mentoring dirixido a persoas emprendedoras a través da realización de etapas do Camiño de Santiago no que toman parte 200 participantes. Todos os retos do programa deste ano están en consonancia con algún dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co propósito de difundilos e convidar os participantes a integrar polo menos un deles nos seus obxectivos empresariais.

 

A próxima etapa realizarase os días 20 e 21 de outubro entre Vila do Barrio e Ourense, sendo parte da Vía da Prata. Nesa ocasión o programa centrarase na figura feminina co lema Responsabilidade social, o papel das empresas na mellora da sociedade.

 

Galicia Camiño Emprendedor pechará esta edición coa chegada a Santiago de Compostela en decembro, coincidindo coa capitalidade da economía social que ostenta a cidade galega este ano. A iniciativa desenvólvese desde 2017 e conxuga a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego e talento en Galicia.


Máis información