16 de febreiro, 2024
Mediante a Resolución de 6 de febreiro de 2024 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ven de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4 a través de cursos presenciais e en liña.
Estes cursos certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.
As persoas interesadas en inscribirse nos cursos, presentarán a súa solicitude a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que figura ao final desta nova.
Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso e todos os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 30 e se un curso ten máis solicitantes ca prazas dispoñibles, a asignación farase a través dun sorteo aleatorio puro.
Nos cursos presenciais, realizarase un control da asistencia das persoas matriculadas. O alumnado que non asista a ningunha clase durante os tres primeiros días será automaticamente dado de baixa. Ao longo do curso, se algún alumno ou alumna altera o normal desenvolvemento deste, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, tras recibir o informe correspondente do profesorado e darlle audiencia á persoa interesada, poderá proceder á súa expulsión.
Nos cursos en liña, levarase un rexistro de acceso á plataforma, así como das tarefas realizadas polas persoas matriculadas. O alumnado que non acceda á plataforma durante os tres primeiros días e que non realice durante a primeira semana polo menos a metade das tarefas da primeira unidade didáctica indicadas polo titor ou titora será automaticamente dado de baixa.
Con carácter xeral, cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas. Nos cursos presenciais, estas distribuiranse en sesións de dúas horas e media, de luns a xoves. No caso de suspenderse algunha sesión por coincidir cunha festividade local ou por outra circunstancia, esta recuperarase ao longo do curso.
22/01/2025
14/01/2025
10/01/2025