Noticia_img

Publicado no DOG o novo Decreto co que a Xunta axilizará a incorporación de persoas en exclusión social ao traballo en empresas de inserción

03 de novembro, 2022

O Goberno galego modificou o procedemento de cualificación e o rexistro administrativo deste tipo de empresas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo Decreto que regulará o procedemento para a cualificación de empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo, algo que permitirá axilizar a incorporación de persoas en risco ou e situación de exclusión social a estas firmas para garantir a súa empregabilidade.

 

As empresas de inserción (como pasan a denominarse no Decreto, en detrimento de empresas de inserción laboral) son sociedades mercantís ou cooperativas, cualificadas polas comunidades autónomas para realizar unha actividade económica co obxecto social de integrar e formar no eido sociolaboral a estas persoas en situación de vulnerabilidade. O paso polas mesmas permítelles iniciar o tránsito ao emprego ordinario, ben en empresas convencionais ou en proxectos de autoemprego.

 

Existen na actualidade en Galicia un total de 14 empresas de inserción acreditadas nas que traballan un total de 244 persoas. O novo marco, establece mecanismos novidosos de rexistro das firmas desta tipoloxía e os procedementos para a súa acreditación. Senta tamén vías de coordinación entre os servizos sociais públicos e o servizo de emprego de Galicia, para mellorar a incorporación de persoas traballadoras.

 

As empresas de inserción deberán proporcionar a partir de agora formación específica ás persoas traballadoras coas que formalizan un contrato, nunha actividade profesional que lle outorgue competencias necesarias para o seu desenvolvemento profesional no futuro.

 

O Goberno galego traballa para impulsar a transición entre a formación deste colectivo prioritario e o seu acceso ao mercado laboral ordinario. O itinerario de inserción será o marco de traballo no que as partes establecerán de mutuo acordo as actuacións necesarias para lograr unha plena participación social e laboral da persoa traballadora.

 

A incorporación dunha persoa en exclusión social a unha empresa de inserción e a elaboración do itinerario personalizado poderá iniciarse polos servizos sociais comunitarios, polo servizo de emprego de Galicia ou pola propia empresa de inserción. Coa entrada en vigor do novo decreto o próximo 23 de novembro, este proceso será máis áxil, xa que outorgará validez ás valoracións da situación de exclusión realizadas polos servizos sociais nos seis meses anteriores á incorporación e considerará acreditada esta condición cando a persoa beneficiaria ou algún membro da unidade de convivencia perciban a renda de inclusión social de Galicia (Risga).

 

O decreto tamén permitirá reducir tempos na tramitación da cualificación destas empresas e facilitará a operatividade das entidades.

 

A Xunta de Galicia está comprometida coa formación e empregabilidade das persoas en risco ou en situación de exclusión social. De feito en 2023, revalidará o Plan Emprega Discapacidade Exclusión Social ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dotará de 44,5 millóns de euros (4,5 millóns máis que en 2022) co obxectivo de dar acceso preferente aos programas e apoios a máis de 5.800 persoas.


Publicación DOG